domingo, 28 de agosto de 2016

PREGÓN DAS FESTAS DE CASTRO DE BEIRO 2016

       Comparto con vosotros el Pregón de las fiestas de mi pueblo, Castro de Beiro, que tuve el honor de pronunciar el viernes día 26 de agosto.Aunque es una acción festiva menciona algún tema que ya ha sido tratado aquí, nada menos que en 2013.
 
    De novo San Vitoiro. Un ano mais en festas! Iste ano eu son a encargada de darlle a benvida a todos os amigos e familiares que nos van acompañar na nosa festa, tamén a todos vos que estades aquí dispostos a escomenzala da mellor maneira.

    Gracias a Comisión de Festas por ofrecerme ista oportunidade de dirixirme a vos.

    As miñas palabras que falarán da Festa e da identidade.

    Da festa porque estamos en festas. Da identidade porque é algo que tamén nos dá a festa. E porque é algo a celebrar sempre, algo polo que facer festa.

    Se vos dades conta, anque as festas son semellantes todas teñen algo distinto que non só é o santo que se festexa senon que cada pobo esforzase por facer cousas diferentes ós outros – a festa da empanada, do pemento, dos callos, do viño, etc, etc- , tamén por traer orquestas diferentes, mellores, mais chamadeiras, etc.

    E hoxe, case que se esforzan por ter festa. Costa moito armar unha festa. Non só cartos. E moito o traballo, moito o tempo, moito o papel, moita a responsabilidade que hai que poñer en xogo. E vemos arredor de nós como nos pobos nos que un ano falla a festa o seguinte ano xa non se fai, non hai quen consiga levantala. E entón xa non se fai mais!

    Neste aspecto nós, os do Castro, resistimos e facemolo moi ben. Iste ano e os derradeiros as festas foron boas, as comisións tiveron éxito; a diste ano tamén o ten xa, como amosa a churrascada da pasada semana que encheu iste campo. Mantela festa, fai hoxe en día a nosa identidade. Nos arredores somos das poucas parroquias que a teñen, bar da comisión aberto moito tempo, actividades os domingos e, como non, Semana Cultural. Unha novedade digna de suliñar. Felicidades Comisión de festas, gracias por facela!.

    Hai unha segunda cousa que fai a nosa identidade, a identidade do Castro. Esa é a paisaxe, o verde, o monte. A maravillosa orografia cun monte de perfil suave no que se deita o pai Miño, mais un monte enganoso, cheo de repechos, de ladeiras empinadas, de vales e escorrentias que fai anos estaban cheas de arbores: cortizos, castiñeiros, carballos, vidueiros, ameneiros, piñeiros... cheas de animais e paxariños. Non, daquela non habia eucaliptos nin acacias, as pragas do monte hoxe en día!. Como tantas veces decía D. Pedro, o noso cura tantos anos, "O Castro é o pulmón de Ourense...".

    A magnifica paisaxe percorrida pola carretera chea de curvas de Quintela a Castro de Beiro e pola empinada Costiña de Canedo. Unha deu lugar a famosa subida de Castro de Beiro e a outra a unha cantiga que cantaban fai cen anos: a costiña de Canedo, a costiña de Canedo...o subila e o baixala perdín a cinta do pelo! Hoxe é tamén un tramo do Camiño de Santiago polo que tantos peregrinos de multiples países suben con esforzo.

    A subida a castro de Beiro foi parte da nosa identidade moito tempo. A comisión quixo honrala na conferencia da seman cultural que poidestes escoitar istes dias polo tanto eu no falarei dela.

    Centrareime na paisaxe:

    Como sabedes eu pasei todalas festas de San Vitoiro eiqui dende nena, dende que me trouxeron de Caracas fai xa case que.... unha eternidade!!!. Hoxe quero lembrarme dunha festa do San Vitoiro en particular. 

   Sería polo ano 1965 -mais ou menos- que veu o lume o dia da Festa. Nunca antes se vira outra! Ou polo menos nós, os nenos daquela. O lume subia furioso pola carretera que ven de Quintela e corria cara a Costa de Canedo. Nada quedou de Viñás, a Penoubiña, a Cantarilla, Fargulleiros, a Serpe, de toda a Costa. Miles de árbores, animais, morreron. Parou a música e todolos veciños foron apagar no lume. Mesmo os nenos colaboramos enchendo caldeiros de auga porque había cadeas de persoas que levaban a auga as beiras da aldea preparandose por se o lume chegaba arredor das casas.

    Todos estábamos abraiados, mortos de medo. Os maiores temian perder todo o que tiñan: casa, animais, eidos e os nenos.... non sei que pensábamos, mais ca que todo era terrorifico porque o noso mundo descolocouse de golpe.

    Cando o lume parou.......todo era color negro, a terra era coma a borralla...un asco, mais un asco negro!!.

    Pra min houbo unha fenda na miña nenez: o que pasou antes do gran lume e todo o que pasou despois!

    Dende aquela pasaron moitos anos. Pasaron tamén moitos lumes. Cada ano. Cada dous.... Depende. ¿depende de quen? Habia dictadura, agora hai democracia. Unhos deixaronnos outros naceron e o lume sigue vindo, invariable. Cada ano...cada dous!!!. ¿depende de qué?

    Mais ¿porque falo do lume cando estou a falar da identidade? Porque o lume mata o que somos, mata a quén somos nos, os do Castro. E ¿quén somos? Somos xente do verde, da natureza, xente que entende de aire, de auga, de choiva, de lúas, de terra, de animais. Xente que ten unha fala na que a totalidade das verbas son referidas a agricultura, pesca, gandaria e ós seus oficios.

    Mirade ben: se non hai monte, se non hai bosque, se non hai natureza nin hai agricultura, nin gandaria nin case pesca (a borralla dos lumes provoca nas rías a enfermedade dos moluscos coma o mexilón). A economía fundese, o paisaxe desaparece e nós todos somos menos felices pois a felicidade procurase con praceres sinxelos e -como está probado cientificamente- a acción mais sinxela e curativa é observar a beleza, mergullarse nun mar de tranquiladade só rota polo rumor do vento e os píos dos paxariños, que as horas devalen deica que chegue o solpor. Nós, que disto temos abondo damonos o luxo de perdelo cada ano... ou cada dous!.

    E ¿qué ten que ver isto coa celebración dunha festa?. Pois que pra celebrar a festa, o pracer de estar xuntos, hai que contar con motivos pra facelo, pra celebrar. Dito xa que a festa é identidade e que nós nisto levamos dianteira, precisamos manter moito tempo a outra cousa que nos da identidade. O paisaxe, o monte, o verde, a beleza do chan no que vivimos.

    Isto lévame o final das miñas palabras momento no que quero facervos unha petición: manter a identidade, coidar o que somos e quen somos pra así manter motivos pra celebrar.

    E pra iso precisamos alexar o lume de nós, coidar o noso monte. E non é ista unha cousa de políticos senon da xente. Calquer político traballará nun tema se a poboación llo esixe, polo tanto somos nós os que temos que decidir e organizar como queremos coidar o monte. Boto o aire unhas perguntas

    ¿Para qué non aporveitar e facer sendeiros e rutas pra perrecorrer a pé ou na bici de montaña?

    ¿Para qué non repoboar con árbores tradicionais que den sombra, leña e fagan pradeira por debaixo?

    ¿Para qué non tentar de introducilo cultivo dos olivos no que Galicia foi senlleira fai séculos e agora estase a recuperar con moito éxito empresarial?.

    ¿Para qué non iniciar a explotación do monte para enerxias limpias tipo biomasa?

    Aqui temos duas asociaciós dos veciños, logo temos xa unha estructura que pode ir traballando no asunto pra que o próximo ano quen faga a festa ou quen dé o pregón poida decir que botamolo lume fora un ano mais, e que mantemos a nosa identidade e os motivos pra seguir a facer festa.

    Lembradevos que a identidade do Castro está en xogo e que é algo que non nos pertenece soio a nós senon que somos os transmisores para os fillos os netos.

    E agora a disfrutar: comer e bailar até caer rendidos...!

    Viva Castro de Beiro!! Viva San Vitoiro!!!

    Moitas gracias!


No hay comentarios:

Publicar un comentario